A Sección Sindical de CCOO
unha vez valorado o dito hoxe polo máximo responsable da compañía a nivel
nacional na súa visita á Fábrica, quere deixar clara a súa postura. Para nada
nos tranquiliza as verbas do presidente cando di que a Fábrica de Coruña non está en
venda, e menos despois de dicirnos que antes de final de ano pensan dividir
xuridicamente a actual Alcoa
Inespal (Coruña
e Avilés).
Está claro que algo se está a mover, e as conclusións que quitamos non son
nada boas. Alcoa Inespal
é a empresa Matriz
do aluminio primario en España, a súa única accionista é Alcoa Inversións España S.L e conta con tres
filiais: Aluminio Español, S.A.
(en San Cibrao,
da que posúe o 100% do capital social), Alumina Española, S.A. (en San Cibrao, da que posúe o 60%) e Alcoa Inversións Internacionais,
S.L. (do que
posúe o 44%). Dende CCOO
xa solicitamos dos nosos máximos responsables sindicais a nivel estatal que
vixíen esta operación, pois dubidamos que todo isto sexa unha estratexia máis
da Compañía para descapitalizar a empresa e logo tomar decisións máis
traumáticas.
Sobre a pretensión da Dirección de vender o Laminador, co único obxectivo
de facer caixa, queremos facer constar a nosa rotunda oposición. Non estamos
dispostos a que se quite esa instalación sen que definitivamente a empresa
avale o futuro da planta. En vez de realizar os investimentos prometidos (para
os cales teñen subvencións paradas) están a descapitalizar a Fábrica vendendo
as súas instalacións. Deste xeito, se Alcoa non nos quere nun futuro, tampouco
nos quererá ninguén. Dito isto, solicitamos a calquera traballador que se ve
algún movemento estraño sobre o Laminador
Properzi o comunique de inmediato a calquera delegado de persoal
para obrar en consecuencia.
O presidente acusa á parte social de xudicializar as relacións na Fábrica. ¿Como
non se van a xudicializar
cunha Dirección que non é capaz de respectar os acordos asinados nin 24 horas?
Véxase o que pasou o 18 de xaneiro, co acordo sobre o descolgue e o retorno de
cantidades. Ou tamén o que
pasou co Plan de Competitividade, onde a mesma Dirección dicía que de telo
executado daría á planta un aforro de 99,4$/Tn, o que hoxe serían uns 5
millóns de euros ao ano de aforro, e non fixo practicamente nada. O cal
ocasionou logo a presentación dun ERTE
e un descolgue de Convenio xustificando que tiñan que recortar custos.
Como se pode confiar nunha Dirección, que sentes que te está a enganar?
Cando fomos a Guitiriz
para que nos desen a gran noticia de que tiñan pensado descolgarse do Convenio,
argumentaban que o tiñan que facer, pois perderían (segundo as súas estimacións)
13 millóns de euros en cada planta (Coruña e Avilés) no 2013. E que deses 13 terían que
aforrar 7 para non ter problemas, xa que os outros 5 millóns eran de
amortizacións que se terían que realizar de todos os xeitos. Hoxe dinnos que
pechado o terceiro trimestre se levan perdidos 993 mil euros (A Coruña), pero que
esperan finalizar o ano cunhas perdas de 3,7 millóns de euros. Segundo estes
datos, moi mal vai ir o último trimestre do ano, pero comparado coas súas
previsións teñen unha mellora de case 10 millóns de euros. A día de hoxe os
motivos que esgrimiron en Guitiriz
caen polo seu propio peso, a falta de saber o que realmente pasará no cuarto
trimestre.
CCOO intenta arranxar os problemas dentro da Fábrica, sempre que sexa posible
e como sempre fixemos. Pero non imos permanecer impasibles ante os mesmos, por
moito que lle gustase ao presidente de Alcoa. Trasladarémolos á xustiza (que
para iso está) cando a Dirección non sexa capaz de dar solucións axeitadas e
trate de atacar os dereitos dos traballadores.
Seguiremos informando…