sábado, 29 de diciembre de 2012

ENERXÍA


Hoxe sábado 29 de Decembro, por fin apareceu publicada no BOE a Orde Ministerial (OM) que realizou o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo que regular o servizo de xestión da demanda de interrumpibilidade, a cal fai que os grandes consumidores de enerxía, como a nosa empresa, teñan un prezo final de MWh máis económico con respecto ao mercado ordinario. Cabe destacar que a publicación no BOE realizase unha vez que a Comisión Nacional de Enerxía emitiu ditame favorable o pasado 27 de Decembro, tras revisar o proxecto da OM.


Con este feito ponse punto final a un ano de angustia, sufrimento e loita para conseguir que a enerxía non fose a desculpa de Alcoa para pechar as Fábricas españolas e particularmente a nosa. Este é un éxito de todos, mesmo dos máis derrotistas que xa polo mes de marzo poñían prezo ao peche da Fábrica, querendo fixar indemnizacións por cada traballador. Que doado ían poñerllo a
esta empresa para botar o peche.

 

Os traballadores e traballadoras da Fábrica da Coruña de Alcoa loitamos máis que ninguén por esta solución. Realizamos máis dunha trintena de mobilizacións, chamamos a todas as portas posibles buscando unha solución e estivemos nos medios de prensa continuamente mantendo o problema en activo. CCOO sempre creu nunha solución favorable a este conflito e con ese obxectivo traballamos. Sabemos dende o principio que os traballadores iamos ser utilizados pola empresa para conseguir o seu obxectivo, e a verdade non nos importou, porque o obxectivo era conseguir a continuidade da Fábrica e que o custo da enerxía non fose o problema.


A Empresa recentemente vén de propoñer unhas medidas antisociais con redución salarial incluída de cara ao 2013, como menciña aos males endémicos de falta de organización e os investimentos necesarios para a mellor competitividade da nosa Fábrica. Así paga Alcoa a nosa colaboración e implicación na solución do conflito da enerxía. Para CCOO o plan de redución de custos presentado pola Dirección, non é tal, é máis ben un "Plan Ideolóxico" co que pretenden rematar cos dereitos de moitos anos e saltarse os acordos asinados.

 
O 8 de Xaneiro teremos unha reunión coa empresa para tratar este asunto e esperan que propoñamos alternativas.  CCOO tenas  e propoñeraas,  e  esperamos que a empresa nos escoite para saír do pozo onde nos queren meter, pero xa lles avanzamos dende aquí que non  van  na  mesma  dinámica que  as  deles,  polo menos  respetamos todos os acordos asinados, incluído o Convenio Colectivo.

Seguiremos Informando.

 

miércoles, 26 de diciembre de 2012

COBRO DE LOTERIA

O número 39.288 da lotaría de Nadal de CCOO resultou premiado con 6 euros por euro xogado.
A partir do 2 de xaneiro do 2013, poderase cobrar a lotaría premiada en calquera oficina da entidade financeira LA CAIXA.

jueves, 20 de diciembre de 2012

MESA PLAN 2013 (1ª Reunión)


PLAN 2013 (Aforro de custes)

A Coruña, a 20 de Decembro do 2012.

Hoxe pola tarde realizouse a primeira das reunións da Mesa do Plan 2013. A Dirección fixo un avance dos posibles aforros para o ano 2013 cuantificando só o aforro na parte laboral.
A conxelación salarial do ano 2013 máis a Prima de Resultados con valor cero supoñería un aforro de 916.000 euros. Segundo a Dirección faltarían por reducir 563.000 euros para chegar ao obxectivo do 7% da masa salarial. Para chegar ao 100% de aforro a empresa propón que a Representación dos Traballadores (RT) faga propostas en calquera destes puntos:

·        Non contratacións en 2012-2013.

·        Non achega da empresa ao Fondo de Axuda ata consumir o excedente habido en 2012.

·        Pagar por calendario a partir do 4 de abril 2013 aos internalizados polo ERTE.

·        Axudas sociais.

·        Cantidades aboadas por economato.

·        Traballos especiais.

·        Non devolver o fondo de axuda aínda baixando do 4,8 de índice por enfermidade.

·        Quitar os días de lavado de mans.

·        Achegas á parte de aforro do Fondo de Pensións.

·        Unha Paga extra.

A Dirección aclara que a conxelación salarial do 2013 se levará a cabo con acordo ou sen el, por ser unha decisión imposta dende a Compañía. A preguntas da RT a Dirección informa que, a día de hoxe, no Plan 2013 non se considera a aplicación de ningún ERE a partir do 4 de abril. A RT informa a Dirección de que non está de acordo coa composición desta Comisión e lle comunica a falta de documentación.
A próxima reunión realizarase o 8 de xaneiro.
PLENO DO COMITÉ DE EMPRESA

Hoxe pola mañá reuniuse tamén o Pleno do Comité para valorar o formulado pola empresa para o 2013. Todas as Seccións Sindicais, con excepción de APC que non se pronunciou ao non participar nesta reunión debido a un mal entendido coa convocatoria, coinciden no inmoral das formulacións da empresa despois de que durante o 2012 os traballadores e quen os representamos estivésemos a loitar para conseguir un marco regulatorio da enerxía para a Fábrica.

Coincidimos tamén, en que si a salvación da nosa Fábrica depende de deixar de cobrar un 7% de salario, mal imos. Non esquezamos que os custos laborais globais na nosa empresa son só o 7% de todos os custos, se a iso lle aplicamos un 7% ¿de que cantidade estamos a falar, para unha empresa deste nivel?
Coa reunión de hoxe a Dirección e a RT comezamos unha serie de contactos previos ao inicio oficial de consultas (15 días) que comezarán a partir do 10 de xaneiro, momento en que a empresa solicitará o descolgue do Convenio Colectivo. Neste tempo esperamos recompilar a máxima información e propoñer á empresa un plan alternativo.

Seguiremos informando.

viernes, 14 de diciembre de 2012

COMISIÓN CENTRAL SEGUIMENTO DO ERTE

  










 
Hoxe pola mañá celebrouse en Guitiriz unha reunión da Comisión Central de Seguimento do ERTE. En primeiro lugar a Dirección fixo unha exposición da evolución dos plans estratéxicos nas dúas plantas (Coruña, Avilés). Destacar sobre este punto que a Dirección informa que a subvención do 2012 para a transformación a Gas Natural na Fundición da Coruña, a Xunta acordou coa empresa poder aplicala no 2013-2014 debido a que aínda non temos pechado o contrato de enerxía para os próximos anos.

O Presidente de Alcoa España José R. Camino por vía telefónica informou que a semana que vén están en disposición de pechar acordos coas empresas eléctricas para a subministración a partir do 1 de xaneiro 2013. Ao mesmo tempo di que nos próximos días esperan ter o visto e prace de Comisión Europea na consulta realizada sobre a Orde Ministerial, sobre a cal son moi optimistas

Na segunda parte da reunión a empresa presentou unha estimación dos resultados económicos para as dúas plantas no 2013. Esta previsión realizárona cun valor de LME medio de 1900$/Tm, un cambio €/$ de 1,26 e o custo da enerxía similar ao do 2012, para unha produción dunhas 61.000 toneladas por planta. Con estes ingredientes os números da empresa  son de 13 millóns de euros negativos por planta.
 
A Dirección di que teñen que buscar o xeito de aforrar uns 7 de millóns de euros por planta durante o ano 2013, para iso propoñen: Reducir servizos compartíndoos entre as dúas plantas, internalizar traballos, eficiencias en enerxía, potenciar a refusión de chatarra nas dúas plantas, aumentar a venda de pasta a terceiros, e reducir os custos salariais sobre a previsión do 2013 un 7%. Esta redución salarial levaríase a cabo (segundo a empresa) conxelando as táboas salariais definitivas do 2012 e deixando de pagar a prima de resultados (pagadoira en febreiro 2014). Se isto non alcanzase para chegar ao 7% de redución propoñen buscar melloras en produtividade.

A empresa quere entaboar unha serie de reunións nas distintas fábricas e pide á Representación dos Traballadores (RT) propostas ao presentado para chegar ao 12 de xaneiro 2013 cun acordo. En caso de non chegar a un acordo din que solicitaran un descolgue do Convenio Colectivo. A RT comunica á Dirección que antes de dicir nada primeiro reuniranse os distintos Comités para dar unha contestación.

 





martes, 11 de diciembre de 2012

Comisión Central de Seguimento do ERTE


Despois de máis de dous meses que se pedira dende o Comité de Empresa de Coruña a convocatoria da Comisión Central de Seguimento do ERTE, para tratar varias incidencias. A Dirección enviou hoxe convocatoria para a devandita reunión, a cal levarase a cabo en Asturias o próximo venres 14 de Decembro.

Á reunión asistirán 7 representantes dos traballadores por centro de traballo (Avilés e Coruña), na orde do día a Dirección fixou dous puntos: Seguimento do ERTE e Plan 2013.


De todo o alí falado informaremos o antes posible.

lunes, 3 de diciembre de 2012

SEGUIMENTO DO E.R.T.E


Hoxe levouse a cabo unha nova reunión da Comisión de Seguimento do E.R.T.E. A reunión foi moi breve e convocouna a Dirección para falar dos calendarios do próximo ano. A Dirección propuxo atrasar a entrega dos calendarios para o próximo ano argumentando que ata o mes de Abril tiñan en aplicación os calendarios realizados para o E.R.T.E, ademais argumentaron que aínda non sabían cal sería o escenario produtivo no 2013, e o realizar uns calendarios como un ano normal podería crear falsas expectativas no persoal.


A Representación de CCOO defendeu que a entrega dos calendarios tiña que realizarse segundo estipulado no Convenio Colectivo e cada traballador ter un calendario de referencia para o próximo ano, e despois si fose necesario realizar calquera cambio veríase no seu momento. A Dirección dixo que realizaría os calendarios segundo o demandado dende a parte social. CCOO recriminoulle á Dirección os últimos cambios realizados nos listados do E.R.T.E no Departamento de Fundición, sen apenas tempo de aviso ao persoal. Ademais pediu explicacións polos cambios realizados de persoal de quendas a xornada no mesmo Departamento, os cales se realizaron sen comunicalo á Comisión. Tamén se reclamou a formación comprometida por este Departamento durante a negociación do E.R.T.E. A Dirección dixo que tomaba nota para que isto non volvese a acontecer e daríase a formación comprometida .


CCOO solicitou o calculo anual de horas de todos os traballadores que participaron na internalización de traballos ou tivesen algún cambio de calendario durante o presente ano e se informase do mesmo, o antes posible, aos propios traballadores. A Dirección dixo que xa estaban informando do axuste de xornada aos traballadores, pero que esa información a ten que dar os Departamentos responsables e non a oficina de persoal.
 
Por último, recordóuselle a Dirección que estaba pedida unha reunión da Comisión Central do E.R.T.E de Madrid, e que aínda non habían contestado e si estaban esperando que a solicitaramos na Inspección de Traballo de Madrid.   

Seguiremos informando.