domingo, 19 de octubre de 2014

PRIMA DE RESULTADOS & VENDA DA LAMINACIÓN



PRIMA DE RESULTADOS


O pasado venres 17 de outubro, a Dirección reuniu á Comisión da Prima de Resultados co fin de proceder a cumprir o ditado na recente sentenza sobre o Conflito Colectivo da Prima de Resultados 2013, a cal lles obriga a proceder ao recálculo desta quitando o parámetro que introduciran en outubro 2013 (Marxe Neto).

O recálculo que fixo a Dirección eleva o valor da Prima de Resultados 2013, do 74% que xa pagaran no mes de febreiro ao 93%. Este recálculo de momento non conta co acordo da Representación dos Traballadores (RT). Dende a RT solicitouse toda a documentación necesaria para poder recálcular (nós mesmos) todos os valores e contrastalos cos proporcionados pola Dirección. Unha vez máis vólvese a negar esa documentación á RT, pois xa se negou no seu día cando se solicitou para calcular o valor alcanzado en 2013 (74%).

A Dirección informou que procederá a regularizar a prima do 2013 na nómina do mes de outubro aínda sen estar de acordo a RT co resultado do recálculo feito por eles. A xeito de información dicir que esa regularización pode supoñer entorno aos 175 € máis para un Nivel 4 e uns 165 € para un Nivel 5.

En canto á Prima de Resultados do 2014, a Dirección tamén volveu realizar cambios importantes. Retirou tamén o parámetro do Marxe Neto e repartiu o seu peso (35%) entre o resto de parámetros, concretamente subíndoos un 5%. Pero isto non foi todo, e como a raposa xa está afeita a entrar a roubar galiñas ao galiñeiro” e se pensan que os traballadores somos parvos, modificaron tamén os parámetros das Suxerencias e as Notificacións de Risco subindo os obxectivos, pois xa habíamos alcanzado o valor máximo (que eles mesmos fixaran sen consenso) e baixar así o resultado da prima.


Esta é a Dirección que temos, son uns auténticos estafadores. Nos próximos días haberá unha nova reunión e da mesma informarémosvos, pero ou moito cambian as cousas ou isto ten toda a pinta de que rematará unha vez máis nos Xulgados.


VENDA DA LAMINACIÓN


REUNIÓN EXTRAORDINARIA DO EUROFORUM (15, 16 DE OUTUBRO)  VENDA DA TRANSFORMACIÓN ESPAÑOLA E CASTEL SARRASIN (FRANCIA) DE ALCOA

INICIO DO PROCESO

Este proceso iniciouse a principios deste ano cando Alcoa puxo á venda a Transformación Española con plantas en Amorebieta e Alicante, e tamén a planta Francesa de Castel-Sarrasin.

Do mes de febreiro ao mes de abril tiveron un principio de acordo de venda para as tres plantas con OPEN GATE, mesmo se chegou a asinar unha carta de intencións. Esa operación non frutificou e volveuse reabrir de novo o proceso e recentemente asinaron un preacordo de venda coa empresa ATLAS HÓLDING. Coa firma da carta de intencións iníciase o período de consultas unha vez informado o Comité Europeo de Alcoa (Euroforum).

Neste primeiro contacto o Eurforum recolleu a información proporcionada polo posible comprador e Alcoa. Esta información foi estudada e o seguinte paso será enviar a Alcoa un documento con todas as preguntas que a empresa ten que contestar, así como proporcionar a documentación complementaria solicitada de cara a emitir un futuro informe.

Alcoa espera que este proceso de venda se peche definitivamente cun acordo o próximo 30 de Novembro.


PRÓXIMOS PASOS

O venres 17, os Directivos de Alcoa e os de Atlas Hólding visitaron a planta de Castel para reunirse co Comité de Empresa local e proporcionar a información dada ao Euroforum así como responder ás preguntas e inquietudes dos traballadores. O luns día 20, a reunión levarase a cabo na planta de Amorebieta e o martes 21 na planta de Alicante.

O principio de acordo recolle que durante 5 anos Atlas Hólding ten o compromiso de comprar o metal necesario para a súa produción a Alcoa (A Coruña, San Ciprián), no volume máis ou menos actual e a custo de mercado.


OS CENTROS DE TRABALLO

Amorebieta 474 traballadores
Alicante 340 traballadores
Castell 40 traballadores


ATLAS HÓLDING

Esta empresa creouse no ano 2002 e dedícase a comprar empresas de grandes corporacións que non interesan polo seu pouco marxe de negocio. Como todo hólding componse de varias empresas que operan en distintos sectores, máis concretamente nos seguintes:

AUTOMOCIÓN
MOTUS
MATERIAIS DE CONSTRUCCIÓN
BRIDGEWELL, ERICKSON, REDBUILT, TWINN RIVERS PAPER COMPANY.
BENS DE CAPITAL
PANGBORN GROUP
PRODUTOS E SERVIZOS DE CONSTRUCCIÓN
BRIDGE FABRICATION HOLDINGS, BRIDGEWELL RESOURCES, ERICKSON CONSTRUCTION, NEW WOOD RESOURCES, REDBUILT.
ENERXÍA
BRIDGEELL RESOURCES, DETROIT RENEWABLE ENERGY, SUSQUEHANNA DRILLING PARTNERSHIPS.
SERVIZOS INDUSTRIAIS
BRIDGEELL RESOURCES, DETROIT RENEWABLE ENERGY, PHOENIX SERVICES INTERNATIONAL.
EMBALAXE
ASG, FOREST RESOURCES
PASTA, PAPEL Y TEXIDOS
FINCH PAPER, SOUNDVIEW PAPER COMPANY, TWIN RIVERS PAPER COMPANY.
ACEIRO
BRIDGE FABRICATION HOLDINGS, PHOENIX SERVICES INTERNATIONAL
COMERZO E DISTRIBUCION
BRIDGEELL RESOURCES

As súas empresas están distribuídas en máis de 110 plantas por todo o mundo, cun total de 12.000 traballadores. Definen a súa política de xestión como conservadora, buscando resultados a medio longo prazo e prefiren non arriscar buscando grandes beneficios. Con esta política presumen de non ter tido nunca unha empresa en quebra.

Promoven a libre competencia entre os seus negocios e non se limitan a adquirir os seus propios produtos se estes non son competitivos. Din ser moi estritos en seguridade e perseguen os mesmos obxectivos que Alcoa, accidentes cero.


PROXECTO INDUSTRIAL

Adquirir o 100% do capital das tres plantas de Alcoa e Fixar a súa sede europea en Holanda. Anuncian que non teñen a necesidade de realizar ningún plan de restructuración nos centros de traballo. Encargaranse de asumir o total dos traballadores das plantas con todas as súas garantías actuais. Afirman que mesmo terán que crear emprego, posto que parte dos recursos fixos que tiña Alcoa e compartidos entre varias plantas, como de tipo informáticos ou tesouraría agora quedarían sen eles.

No tocante aos investimentos din que están a estudar a instalación dun forno rotativo para refundir chatarra en Amorebita e tamén unha desengrasadora para as súas boninas de chapa. En Castel Sarrasin van axilizar o investimento para melloras na produción de chapa brillo de cara á automoción.

En Alicante a estratexia vai encamiñada á posibilidade de reabrir a súa fundición e poñer en marcha a coada continua. Tamén queren potenciar o Cindal (centro de investigación) xa que é parte da compra, e todos os seus recursos dedicaranse a buscar posibilidades de crecemento no sector.

A Dirección actual das plantas Hispano-Francesas pasa tamén á nova compañía, que de momento aínda non ten nome propio. Tamén se incorporarían á nova empresa parte do equipo comercial, co que xa estiveron en conversacións.

Os seus valores como empresa son as catro "P" (en Inglés): primeiro as persoas, a integridade persoal, a excelencia no desempeño e paixón.


VALORACIÓN

Á primeira vista é que nos encontramos ante unha empresa nova e forte con ganas de expandirse. Quere iniciarse no negocio do aluminio e sacarlle o máximo rendemento cunha clara estratexia de ser autosuficientes e buscar novos clientes a base de darlles facilidades de pagamento e sendo máis eficientes.


A música soa ben, pero haberá que estar atentos a ver que di a letra pequena.


Seguiremos informando...