miércoles, 14 de agosto de 2013

MEDIDAS DESPROPORCIONADAS & ABUSO


           Despois de que a Comisión Consultiva Nacional de Convenios Colectivos (CCNCC) emitise a resolución do Laudo Arbitral no departamento de electrólises algúns mandos están a comunicar aos traballadores que a fábrica está nunha situación crítica. Imaxinamos que para pola vía do medo forzar a que asinemos a inaplicación, xa que non saíu como esperaban.

            Dicirvos que o Comité de Empresa nas alegacións presentadas na CCNCC, fixo constar que o único que se buscaba era a viabilidade da planta e fóra cal fóra o resultado da arbitraxe manterían a súa postura; levar a cabo os investimentos comprometidas e que nos devolvan o diñeiro cando teñan beneficios. Non nos é posible fiarnos máis desta Dirección, que renegan do que asinan.

            Cando as cousas veñen mal os nosos "Xefazos" son os primeiros en abandonar o barco. Son da mesma escola que o capitán do Concordia, ao ERTE remitímonos. Tendo os salarios máis altos e podendo aforrar máis, dicían que non podían ir ao ERTE porque eran imprescindibles, iso si aproveitárono ben facendo pontes de venres a luns. En cambio agora resulta que xa non son tan imprescindibles para irse de vacacións todo o mes.

            Por outro lado, dicirlle á Dirección e os seus "aspirantes a xefes de planta" que dado que a inaplicación non lles saíu como esperaban que fagan entre eles unha colecta ata completar a diferenza, porque entre outras cousas os seus salarios e prebendas, que son moitas, dan para realizar ese esforzo. Así darían exemplo que é o que nunca practican, xa que a súa intención é de cargar a parte económica sobre os traballadores e saír eles co mínimo posible e ás probas remitímonos.

            Cada día que pasa a Dirección de Planta está máis en dúbida que non só tense que dedicar a pedir esforzos e sacrificios aos traballadores (nota de dirección 1.07.13) senón que ten que xestionar a Fábrica como se espera dela e esixir responsabilidades por todo o que está a pasar nos Departamentos. Pouca decencia hai que ter para estar a pedir sacrificios aos traballadores ao mesmo tempo que se lles recorta o seu salario, e logo  estando a fábrica tan mal economicamente alugar as instalacións dun hotel para levar a cabo unha reunión.

            Menos decencia hai que ter para intentar quedar como un "xefazo" invitando a catro churros aos traballadores e levándoos a comer o Club Financeiro. Mellor sería que o Xefe de Electrolisis concentrase a súa pouca capacidade en xestionar o Departamento, que boa falta lle fai. E se deixáse de parvadas e de facer experimentos que finalmente elevan os custos, e fan que a día de hoxe a serie 2 este feita un desastre e os traballadores rebentados pola súa inoperancia.

martes, 6 de agosto de 2013

REUNIÓN EXTRAORDINARIA DO COMITÉ DE EMPRESA


O Comité de Empresa reuniuse hoxe en sesión extraordinaria para avaliar o resultado do Laudo arbitral sobre o proceso de Inaplicación.
O pleno valorou positivamente o ditame do árbitro, pois este vén a ser a terceira parte de gravoso para os intereses dos traballadores do que pretendía a empresa e bastante menos do que se está a aplicar noutros centros de traballo (Avilés e Alicante). Aínda así o Pleno acordou que as distintas Centrais Sindicais solicitasen nos seus respectivos gabinetes xurídicos un informe sobre o Laudo pois entende que o mesmo entra en varias contradicións que terán que ser valoradas por se é necesario recorrer o mesmo.
O Comité de Empresa acordou solicitar unha reunión coa Dirección (xa solicitada por escrito) para tratar o Laudo Arbitral e aclarar a posición das dúas partes. Dende CCOO esperamos que a Dirección se aveña a convocar a devandita reunión o antes posible e non faga o mesmo que coas anteriormente solicitadas o 28 de Xuño (para tratar a situación actual da empresa, resultados económicos dos 2 primeiros trimestres do ano e situación actual da compañía) ás cales lles deu silencio administrativo, feito que finalmente foi posto en coñecemento da Inspección de Traballo (por escrito) para que dende alí se inste á empresa a realizar a devandita reunión e dar a información solicitada.
Ata os representantes de CCOO chegaron comentarios de que algúns mandos desta Fábrica, seguramente ben adestrados dende a Dirección, estanse a dedicar a exercer unha conduta de auténticos mafiosos dende que saíu o ditame do Árbitro. Estanse a dedicar a realizar charlas cos traballadores para dalgún xeito amedrentalos dicíndolles que se a empresa ten que devolver parte do diñeiro quitado indebidamente e enriba non poden quitar todo o que pretendían as consecuencias será peores.
Dende CCOO queremos facer unha advertencia a este tipo de conduta e se non é corrixida actuaremos coa contundencia que merece. O Comité de Empresa mantívo neste proceso unha conduta irreprochable e moi coherente, ofrecendo sempre aceptar o plan de aforros presentado pola empresa sempre e cando se comprometesen a executar os investimentos considerados vitais e que xa todos coñecemos (para as que hai subvencións paradas) e recoñecer unha débeda cos traballadores e devolver o diñeiro cando a situación mellorase (mesmo en cómodos prazos), esa mesma oferta pódese ler mesmo na últimas alegacións do Comité de Empresa antes de que o Árbitro realizase o seu ditame.
Fomos moi pacientes con esta Dirección afrontado os problemas buscando solucións sempre primeiramente polo camiño do dialogo e cando non foi posible acudindo ao ámbito xudicial que para iso está, aínda que ultimamente os dereitos dos traballadores non estean a ser tidos en conta. Esperamos que a Dirección retome o camiño do dialogo e deixe de obrar como o está a facer, se non verémonos abocados á conflitividade moi ao noso pesar.