miércoles, 16 de octubre de 2013

VISITA DO PRESIDENTE DE ALCOA ESPAÑA Á FÁBRICA


A Sección Sindical de CCOO unha vez valorado o dito hoxe polo máximo responsable da compañía a nivel nacional na súa visita á Fábrica, quere deixar clara a súa postura. Para nada nos tranquiliza as verbas do presidente cando di que a Fábrica de Coruña non está en venda, e menos despois de dicirnos que antes de final de ano pensan dividir xuridicamente a actual Alcoa Inespal (Coruña e Avilés).

Está claro que algo se está a mover, e as conclusións que quitamos non son nada boas. Alcoa Inespal é a empresa Matriz do aluminio primario en España, a súa única accionista é Alcoa Inversións España S.L e conta con tres filiais: Aluminio Español, S.A. (en San Cibrao, da que posúe o 100% do capital social), Alumina Española, S.A. (en San Cibrao, da que posúe o 60%) e Alcoa Inversións Internacionais, S.L. (do que posúe o 44%). Dende CCOO xa solicitamos dos nosos máximos responsables sindicais a nivel estatal que vixíen esta operación, pois dubidamos que todo isto sexa unha estratexia máis da Compañía para descapitalizar a empresa e logo tomar decisións máis traumáticas.

Sobre a pretensión da Dirección de vender o Laminador, co único obxectivo de facer caixa, queremos facer constar a nosa rotunda oposición. Non estamos dispostos a que se quite esa instalación sen que definitivamente a empresa avale o futuro da planta. En vez de realizar os investimentos prometidos (para os cales teñen subvencións paradas) están a descapitalizar a Fábrica vendendo as súas instalacións. Deste xeito, se Alcoa non nos quere nun futuro, tampouco nos quererá ninguén. Dito isto, solicitamos a calquera traballador que se ve algún movemento estraño sobre o Laminador Properzi o comunique de inmediato a calquera delegado de persoal para obrar en consecuencia.

O presidente acusa á parte social de xudicializar as relacións na Fábrica. ¿Como non se van a xudicializar cunha Dirección que non é capaz de respectar os acordos asinados nin 24 horas? Véxase o que pasou o 18 de xaneiro, co acordo sobre o descolgue e o retorno de cantidades. Ou tamén o que pasou co Plan de Competitividade, onde a mesma Dirección dicía que de telo executado daría á planta un aforro de 99,4$/Tn, o que hoxe serían uns 5 millóns de euros ao ano de aforro, e non fixo practicamente nada. O cal ocasionou logo a presentación dun ERTE e un descolgue de Convenio xustificando que tiñan que recortar custos.

Como se pode confiar nunha Dirección, que sentes que te está a enganar? Cando fomos a Guitiriz para que nos desen a gran noticia de que tiñan pensado descolgarse do Convenio, argumentaban que o tiñan que facer, pois perderían (segundo as súas estimacións) 13 millóns de euros en cada planta (Coruña e Avilés) no 2013. E que deses 13 terían que aforrar 7 para non ter problemas, xa que os outros 5 millóns eran de amortizacións que se terían que realizar de todos os xeitos. Hoxe dinnos que pechado o terceiro trimestre se levan perdidos 993 mil euros (A Coruña), pero que esperan finalizar o ano cunhas perdas de 3,7 millóns de euros. Segundo estes datos, moi mal vai ir o último trimestre do ano, pero comparado coas súas previsións teñen unha mellora de case 10 millóns de euros. A día de hoxe os motivos que esgrimiron en Guitiriz caen polo seu propio peso, a falta de saber o que realmente pasará no cuarto trimestre.

CCOO intenta arranxar os problemas dentro da Fábrica, sempre que sexa posible e como sempre fixemos. Pero non imos permanecer impasibles ante os mesmos, por moito que lle gustase ao presidente de Alcoa. Trasladarémolos á xustiza (que para iso está) cando a Dirección non sexa capaz de dar solucións axeitadas e trate de atacar os dereitos dos traballadores.

Seguiremos informando…