domingo, 29 de abril de 2018

MANIFESTACIÓN 1 DE MAIO


        MANIFESTACIÓN SAÍDA DA PRAZA DA PALLOZA ÁS 12 HORAS


É tempo de gañar


Prezada compañeira, prezado compañeiro,

o próximo Primeiro de Maio, Día Internacional do Traballo, animamos as traballadoras e traballadores a participaren na loita contra a crecente precariedade e desigualdade laboral, agravadas polos anos de crise económica, polas reformas laborais e polas políticas de austeridade impostas polos sucesivos gobernos desde o 2008.

A economía galega leva catro anos crecendo, xa hai máis empresas con beneficios ca antes da crise e os dividendos repartidos están en máximos. Pero a desigualdade e a pobreza acadan niveis moi superiores aos que había antes da crise: 67.500 fogares teñen todos os seus membros activos en paro e 34.700 persoas carecen de ingresos. O emprego crece, pero á custa de maior precariedade.

Nove de cada dez contratos son temporais e case a cuarta parte deles duran menos dunha semana. O 77 % do emprego a tempo parcial está ocupado por mulleres e constitúe un dos factores da brecha salarial de xénero: as mulleres deixaron de percibir, por un traballo similar, case 5000 euros ao ano.

Tamén aumentaron os accidentes de traballo. Un recente estudo de CCOO demostra a relación entre a precariedade laboral e a sinistralidade. Nos últimos cinco anos faleceron case trescentas traballadoras e traballadores en accidente de traballo e existe unha gran cantidade de enfermidades de orixe profesional non declaradas como tal.

É de xustiza que, nesta etapa de recuperación económica, a negociación colectiva reflicta unha mellora substancial dos salarios, con cláusula de garantía para protexer o poder adquisitivo fronte a un aumento excesivos dos prezos dos produtos de consumo. Tamén esiximos o aumento dos compromisos empresariais en relación coa estabilidade e calidade do emprego, a redución das desigualdades, a protección da saúde e o investimento produtivo.


É tempo de gañar
Reclama os teus dereitos
Mobilízate!