sábado, 8 de mayo de 2010

CARTA DE “TARIFA” OS COMPAÑEIR@S DE ALCOA

O COMPAÑEIRO TARIFA ACHEGOUNOS ESTA CARTA DIRIXIDA OS TRABALLADORES E TRABALLADORAS DA FÁBRICA ONDE RECOLLE A SÚA VIVENCIA TRAS O GRAVISIMO ACCIDENTE QUE SUFRIU NO LAMINADOR.

Carta de Tarifa dirixida aos compañeiros e compañeiras de Alcoa

Permitídeme que me dirixa a vós despois de transcorrido un ano do meu accidente no laminador, o 26 de maio do 2009, só co ánimo de explicar o acontecido desde aquel día até hoxe.

Nun primeiro lugar quería mostrar o meu agradecemento a todas as persoas que me axudaron, pero tamén denunciar algunhas actitudes, comentarios, e comportamentos que eu considero menos axeitados. Por iso prefiro que saibades de min por medio deste escrito e non polos rumores de todo tipo que vos poidan chegar.

O meu primeiro recordo ten que ser sen dúbida para os meus compañeiros do turno que tiveron que vivir aqueles momentos tan difíciles. Quería incidir en que o seu comportamento desde o día do accidente, até o día de hoxe, non ten prezo. Sabedes que tedes todo o meu cariño e amistade.

Transmitir as grazas moi especialmente de parte da miña familia para o A.T.S. de garda e a doutora da fábrica, pois estiveron acompañándonos en todo momento, e preocupándose de nós tanto ese día como nos posteriores. A todos aqueles compañeiros e compañeiras que me visitastes e vos interesastes por min graciñas.

Quero tamén recordar agora máis que nunca ao compañeiro camioneiro falecido, así como ao rapaz que sufriu o accidente na serie pouco despois do meu. Algúns tivemos máis ou menos sorte, pero os tres sufrimos a incompetencia de aquelas persoas que tiñan responsabilidades sobre a nosa seguridade.

Non teño problema en recoñecer o mérito que teñen todas as persoas que , baixo o meu punto de vista, estiveron a altura das circunstancias. Desde logo tampouco vou calar diante daquelas que “botaron a lingua a pacer sobre o meu accidente, dicindo parvadas sen coñecemento de causa“. A todas elas teño que dicirlles que a miña vida profesional transcorrida entre ASTANO , 19 anos de traballo na empresa, INESPAL SAN CIBRAO, 5 anos de traballo, e en ALCOA, 15 anos traballando, ten en branco o meu expediente laboral e nin unha soia baixa na S. Social ( ningunha en 39 anos ) desafío a eses “iluminados “ que o comproben si queren; eles seguro non poderán dicir o mesmo.

Tampouco entendo a actitude do Presidente do Comité de Empresa que me visitou no hospital uns días despois do accidente e non volveu a interesarse por min. Eu que sempre pensei que o ( presidente era a representación xurídica e formal do Comité de Empresa para defensa das persoas traballadoras ). Todo isto me resulta “inexplicable” tendo en conta que me ofreceu ir na súa candidatura nas pasadas eleccións sindicais.

Retomando o tema do accidente quería salientar o que expón a empresa no seu informe pois di que non observei nin apliquei adecuadamente o procedemento de traballo existente, nin a formación e información proporcionada. Poñendo enriba da mesa da Inspección de Traballo as firmas que eu botara, incluídas as charlas breves. Non vou a discutir nin matizar nada sobre o contido do informe da empresa, pois penso que todos e todas vós, xa sabedes de sobra como se estaba a facer isto. De todas formas quería salientar que a Inspección de Traballo di no seu informe, que hai unha responsabilidade Empresarial por falta de medidas de Seguridade no Traballo.

Gustaríame tamén facer un apunte para que cada quen saque as súas propias conclusións: a finais do ano 1999 fixéronse os equipos de traballo na Fundición, e ofrecéronme formar parte do equipo de placas onde pasei 10 anos traballando. Todo isto porque a Empresa consideraba, naquel momento, que tiñan que ter especialistas en cada instalación, e a min mantivéronme alí eses 10 anos baixo este criterio. Pero chegaron novos xefes, e a estes parecíalles que algúns disfrutabamos dunha situación de privilexio, ou quizais xa non estabamos a un nivel para eles aceptable no noso posto. O caso e que quixeron volver coas rotacións en maquinas, que xa se fixeran en tempos pasados, crendo que inventaban algo novo (supoño.) Non quedo tranquilo sen dicir que nunca elixín nin me neguei a estar en ningún dos postos de traballo que me asignaban. Sempre cumprín as decisións das persoas mandatarias da organización do traballo na Empresa.

Nestes intres estou a facer rehabilitación para recuperar a máxima mobilidade no brazo e da man dereita. Grazas a un gran esforzo persoal, un gran esforzo a nivel médico, e despois dunhas 5 operacións en quirófano (sobre unhas 15 horas de intervencións cirúrxicas), teño unha especie de pinza entre un pulgar reconstruído, e un metade do dedo meñique, que me salvaron en urxencias o día do accidente. Non podo negar que sufro un trauma psicolóxico e de saúde emocional, como a necesidade que teño de ir sempre acompañado aos sitios, pois a falta de funcionalidade da miña man ocasióname unha grande inseguridade. Espero que isto co tempo vaia pasando, o que non pasará é o diagnostico médico que teño: Mano catastrófica con Amputación de los 5 dedos de la mano a nivel transmetacarpiano. Mecanismo lesional: Avulsión traumática.

Como comprenderes ante esta nova situación, comeza en min a incerteza sobre como será o meu futuro, e tamén a necesidade de defenderme de todas as acusacións, desavenencias, e procesos, que se me veñen enriba e que seguro serán lentos, e complicados. Sabedes tamén que e moi difícil afrontar todo isto sen axuda, polo que non quero deixar pasar a oportunidade de dar as gracias a Nazario e Corbacho, dúas das persoas que desde o primeiro momento estiveron comigo, asesorándome e ofrecéndome os servizos de CCOO (aínda que a miña afiliación non era co seu sindicato ) espero que coa súa axuda, e confiando na actuación da xustiza, poida ir cara adiante neste infortunio.

Un saúdo cordial do voso compañeiro Tarifa

Grazas a S. Sindical de CCOO por posibilitarme a difusión deste escrito.