No presente comunicado o Comité de Empresa de Alcoa Inespal S.A da Fábrica da Coruña, quere denunciar o sistemático incumprimento por parte da nova Dirección do Centro de tódolos acordos alcanzados ca anterior Xefatura de Planta. Entre estes incumprimentos están os seguintes:
Esta Dirección está a incumprir o acordo de internalizar os traballos de mantenimiento, mantendo o emprego e mellorando a calidade e a seguridade do mesmo.
A nova Dirección esta a fomentar a contratación en “precario” con entradas e saídas continuas dos novos traballadores o que supón un grave risco para a súa seguridade e a dos seus compañeiros.
Estase a incumprir o acordo de ofertar o Contrato de Relevo por orde de entrada na Empresa. Sendo esta maneira de obrar un uso e costume de funcionamento na Fábrica dende o ano 1999. A Dirección esta a utilizar isto para aplicar un punto máis de presión sobre os traballadores eventuais, ofertando este contrato de maneira subxectiva, sen criterio e unilateralmente sen escoitar as múltiples protestas do Comité de Empresa.
Non se está respetando o prometido durante unha asemblea pola anterior Dirección ó Comité de Empresa e a 40 traballadores contratados en outubro do 2009, de darlles continuidade na Fábrica se non había unha nova recesión do Sector do aluminio.
A política desta Dirección e reducir plantilla nos talleres a consta da seguridade, da produción e da calidade do produto terminado, poñendo en perigo a viabilidade da Fábrica a medio prazo.
Esta Dirección esta a dedicarse a amedrentar ós traballadores presentándolles uns malos resultados da Planta, con datos sesgados e baseados en dous anos de gran crise, pensando que así poderá facer unha xestión antisocial sen a oposición dos traballadores. Para o Comité os malos resultados son a consecuencia dunha Dirección da planta incompetente e da falta de inversións enfocadas o noso mercado.
A política desta Dirección é pechar instalacións reducindo persoal e deslocalizando os nosos produtos, aínda que os nosos clientes os reclamen. Este Comité de Empresa aínda esta esperando unha solución o peche da instalación do Laminador. De ningunha das maneiras se permitirá que se quite un só tornillo desa instalación, mentres non se presente un plan de futuro para o Departamento da Fundición.
De manterse esta dinámica, nun breve prazo de tempo este Comité de Empresa convocará a unha asemblea os traballadores para propoñer mobilizacións.