martes, 19 de febrero de 2013

DESCOLGUE DE CONVENIO


Tal e como se informou na Asemblea do pasado 15 de febreiro, o período de negociacións asinado coa Dirección para buscar un acordo sobre a redución de custos salariais de cara ao 2013, rematou sen acordo. A empresa negouse dende o primeiro día a non retornar cantidade algunha deixada de percibir polos traballadores durante o ano 2013, a pesar de que esa era unha das garantías asinadas polas dúas partes no acordo para a apertura destas negociacións o pasado 18 de xaneiro.

No día de hoxe a Dirección presento de novo os procesos de inaplicación do Convenio Colectivo (art. 82.3 ET) e a Modificación Sustancial das Condicións de Traballo (art.41 ET), nas seguintes condicións:

·         Conxelación das Táboas Salariais dende o 1 de xaneiro ao 30 de xuño de 2013 en todos os seus conceptos (IPC máis incrementos fixos en primas).

·         Non se pagará a Prima de Resultados 2013 ao persoal PIC nin o bono de desempeño ao persoal PFD (na mesma proporción do 4%).

·         As pagas extraordinarias de xullo e decembro redúcense ao 50% tanto para o persoal PIC coma para o persoal PFD.

Esta nova proposta de "descolgue de Convenio" que formula a empresa de cara ao ano 2013, volve ir por enriba das necesidades de aforro de custos que din ter (1.479.870 euros). O pasado 11 de xaneiro a empresa había presentado un proceso de descolgue aínda de maior impacto:

·         Conxelación das Táboas Salariais de 2013 en todos os seus conceptos (IPC máis incrementos fixos en primas).

·         Non se pagaría a Prima de Resultados 2013 ao persoal PIC.

·         As pagas extraordinarias de xullo e decembro reduciríanse ao 50%.

·         Non se realizarán achegas ao Plan de Pensións no ano 2013.

En ningún dos dous procesos a Dirección di de retornar as cantidades deixadas de pagar en 2013 aos traballadores cando as circunstancias económicas sexan máis favorables para a empresa, é dicir cando teñan beneficios. Isto é o que defende a Representación dos Traballadores, pois cre que é de xustiza devolver nun bo momento os esforzos que se realizan para saír de situacións como as que di ter a empresa. Está claro que a Dirección non busca o acordo neste conflito, pois se non entran á devolver cantidade algunha nun escenario máis favorable. Ademais queda claro o seu talante negociador cando unha vez iniciado este proceso, no que hai negociar de boa fe durante 15 días, a Dirección fixa un calendario con só dúas reunións (25 de febreiro e o 4 de marzo).

Temos que recordar que o actual Convenio Colectivo (2010-2014) foi negociado nun escenario de crise e de malos resultados económicos (parada de produción 2009, inundación Avilés 2010, etc e deslocalización do alambrón).  Nesta negociación o Comité de Empresa defendeu unha proposta de tres anos de vixencia, co cal tocaríanos volver negociar o Convenio Colectivo no 2013 e foi a empresa a que forzou a un acordo final por cinco anos, para agora vir coas rebaixas.

A Dirección pode tratar de defender a legalidade da súa postura amparándose na última reforma laboral. Para nos a proposta da empresa é inmoral e ataca directamente a os que durante un ano estiveron a loitar na rúa por unha regulación da enerxía para que Alcoa siga mantendo o seu boiante negocio do aluminio en España. A proposta realizada pola empresa non garante a viabilidade da Fábrica, máis ben o contrario, xa que non ven rescaldada dunha acción industrial para mellorar os seus custes. A mostra de isto é  que o 3 de Outubro de 2011, asinouse coa Dirección da Coruña un Plan de Competitividade que recollía unha serie de medidas, melloras e investimentos nas instalacións que melloraban os custos da Fábrica. Durante a negociación deste Plan a Representación dos Traballadores conseguiu unha subvención da Xunta de Galicia duns 800.000 euros (setembro 2011) para instalar o Gas Natural na Fundición. O investimento total desta instalación ascendía máis ou menos a 1.000.000 euros estimando a empresa que isto lles daría un aforro anual de 500.000 euros. A día de hoxe este investimento aínda non se levou a cabo e a subvención da Xunta de Galicia vaise aprazando ano tras ano ¿Por qué non a executan si o que buscan de verdade son aforros?

No punto 12 deste Plan de Competitividade a Dirección di textualmente que, "Ante a pregunta da RT de coñecer o aforro que a planta consegue co plan de competitividade presentado e a posición na que quedaría a planta, a RD informa de que todas as medidas incluídas no plan de competitividade (enerxía, materias primas, Fundición, mellores prácticas, contratistas e produtividade) supoñen unha redución aproximada de 99,4$/T. A RD manifesta que se todas estas medidas estivesen xa executadas a día de hoxe, a planta  posicionaríase nunha situación competitiva respecto á planta de Avilés". Segundo o dito pola Dirección, se tivesen aplicado este Plan a planta tería reducido os seus custos de cara ao ano 2013 en 5.000.000 euros.

A empresa fixo unha previsión de cara ao 2013 moi agresiva, para xustificar con iso as medidas presentadas. Estimou un valor de LME 1.900$/Tm (prezo de tonelada de aluminio) que se afasta moito da cotización actual de 2.050$/Tm. Con este valor de LME e unha produción estimada de 69.000 Tm a empresa obtería un diferencial a favor de uns 10.300.000 dólares, que co cambio actual supoñerían case 8.000.000 euros. Polo tanto a empresa non ten neste momento o problema que di ter, e menos, se a estes datos sumamos os altos Premios que teñen na actualidade os Tochos e as Placas e a mellora do prezo da enerxía coa nova regulación da interrumpibilidade.
Por todo isto dende CCOO non podemos aceptar que a empresa non se preste a devolver os cartos que lle quere quitar os traballadores nun momento de bonanza económica.
O próximo xoves 21 de Febreiro o Comité de Empresa reunirase de novo para valorar a situación que formula a Dirección con este novo proceso de "descolgue de Convenio".

 SEGUIREMOS INFORMANDO