O Comité
de Empresa e a Dirección mantiveron hoxe unha reunión que foi un autentico
"fracaso", pois as expectativas eran moitas e a Dirección non
presentou a organización dos Departamentos a partir do
fin do ERTE en curso (4 de Abril) e tampouco
presentou os calendarios sobre a base desa nova organización.
Por outro lado, sobre a solicitude que se lle fixera á Dirección de abrir a
voluntariedade do persoal para cubrir as prazas da internalización (quitando
unha nota) nada de nada. A Dirección di que non está pechada a esa
voluntariedade, pero que aínda non tomaron unha decisión ao respecto e que de
momento seguirán adiante coa mobilidade funcional prevista e que logo se
deciden abrir a voluntariedade farían os cambios necesarios.
O Comité de Empresa esixiu á Dirección que presentara o antes posible as
organizacións dos distintos Departamentos e entregara os calendarios coas
quendas de vacacións. Ademais solicitou que tomase a decisión de abrir a
voluntariedade e o fixese o antes posible para non prexudicar máis do necesario
aos traballadores afectados pola mobilidade. Tamén se lle reclamou á Dirección
que aclarara cal sería o criterio para pagar o premio de
vacacións (en inverno) unha vez que se movan as vacacións dos ciclos habituais
tendo en conta os acordos existentes. A Dirección dixo que aclararía todos
estes puntos o antes posible, pero non deu data para a unha próxima reunión.
Seguiremos informando.