miércoles, 14 de agosto de 2013

MEDIDAS DESPROPORCIONADAS & ABUSO


           Despois de que a Comisión Consultiva Nacional de Convenios Colectivos (CCNCC) emitise a resolución do Laudo Arbitral no departamento de electrólises algúns mandos están a comunicar aos traballadores que a fábrica está nunha situación crítica. Imaxinamos que para pola vía do medo forzar a que asinemos a inaplicación, xa que non saíu como esperaban.

            Dicirvos que o Comité de Empresa nas alegacións presentadas na CCNCC, fixo constar que o único que se buscaba era a viabilidade da planta e fóra cal fóra o resultado da arbitraxe manterían a súa postura; levar a cabo os investimentos comprometidas e que nos devolvan o diñeiro cando teñan beneficios. Non nos é posible fiarnos máis desta Dirección, que renegan do que asinan.

            Cando as cousas veñen mal os nosos "Xefazos" son os primeiros en abandonar o barco. Son da mesma escola que o capitán do Concordia, ao ERTE remitímonos. Tendo os salarios máis altos e podendo aforrar máis, dicían que non podían ir ao ERTE porque eran imprescindibles, iso si aproveitárono ben facendo pontes de venres a luns. En cambio agora resulta que xa non son tan imprescindibles para irse de vacacións todo o mes.

            Por outro lado, dicirlle á Dirección e os seus "aspirantes a xefes de planta" que dado que a inaplicación non lles saíu como esperaban que fagan entre eles unha colecta ata completar a diferenza, porque entre outras cousas os seus salarios e prebendas, que son moitas, dan para realizar ese esforzo. Así darían exemplo que é o que nunca practican, xa que a súa intención é de cargar a parte económica sobre os traballadores e saír eles co mínimo posible e ás probas remitímonos.

            Cada día que pasa a Dirección de Planta está máis en dúbida que non só tense que dedicar a pedir esforzos e sacrificios aos traballadores (nota de dirección 1.07.13) senón que ten que xestionar a Fábrica como se espera dela e esixir responsabilidades por todo o que está a pasar nos Departamentos. Pouca decencia hai que ter para estar a pedir sacrificios aos traballadores ao mesmo tempo que se lles recorta o seu salario, e logo  estando a fábrica tan mal economicamente alugar as instalacións dun hotel para levar a cabo unha reunión.

            Menos decencia hai que ter para intentar quedar como un "xefazo" invitando a catro churros aos traballadores e levándoos a comer o Club Financeiro. Mellor sería que o Xefe de Electrolisis concentrase a súa pouca capacidade en xestionar o Departamento, que boa falta lle fai. E se deixáse de parvadas e de facer experimentos que finalmente elevan os custos, e fan que a día de hoxe a serie 2 este feita un desastre e os traballadores rebentados pola súa inoperancia.