O Comité de Empresa reuniuse hoxe en sesión extraordinaria para avaliar o
resultado do Laudo arbitral sobre o proceso de Inaplicación.
O pleno valorou positivamente o ditame do árbitro, pois este vén a ser a
terceira parte de gravoso para os intereses dos traballadores do que pretendía
a empresa e bastante menos do que se está a aplicar noutros centros de traballo
(Avilés e Alicante). Aínda así o Pleno acordou que as distintas
Centrais Sindicais solicitasen nos seus respectivos gabinetes xurídicos un
informe sobre o Laudo pois entende que o mesmo entra en varias contradicións
que terán que ser valoradas por se é necesario recorrer o mesmo.
O Comité de Empresa acordou solicitar unha reunión coa Dirección (xa
solicitada por escrito) para tratar o Laudo Arbitral e aclarar a posición das dúas
partes. Dende CCOO esperamos que a Dirección se aveña a convocar a
devandita reunión o antes posible e non faga o mesmo que coas anteriormente
solicitadas o 28 de Xuño (para tratar a situación actual da empresa, resultados
económicos dos 2 primeiros trimestres do ano e situación actual da compañía) ás
cales lles deu silencio administrativo, feito que finalmente foi posto en
coñecemento da Inspección de Traballo (por escrito) para que dende alí se inste
á empresa a realizar a devandita reunión e dar a información solicitada.
Ata os representantes de CCOO chegaron comentarios de que algúns
mandos desta Fábrica, seguramente ben adestrados dende a Dirección, estanse a
dedicar a exercer unha conduta de auténticos mafiosos dende que saíu o ditame
do Árbitro. Estanse a dedicar a realizar charlas cos traballadores para dalgún
xeito amedrentalos dicíndolles que se a empresa ten que devolver parte do
diñeiro quitado indebidamente e enriba non poden quitar todo o que pretendían
as consecuencias será peores.
Dende CCOO queremos facer unha advertencia a
este tipo de conduta e se non é corrixida actuaremos coa contundencia que
merece. O Comité de Empresa mantívo neste proceso unha conduta irreprochable
e moi coherente, ofrecendo sempre aceptar o plan de aforros presentado pola empresa
sempre e cando se comprometesen a executar os investimentos considerados vitais
e que xa todos coñecemos (para as que hai subvencións paradas) e recoñecer unha
débeda cos traballadores e devolver o diñeiro cando a situación mellorase
(mesmo en cómodos prazos), esa mesma oferta pódese ler mesmo na últimas alegacións do Comité de Empresa antes de que o Árbitro realizase o seu ditame.
Fomos moi pacientes con esta
Dirección afrontado os problemas buscando solucións sempre primeiramente polo
camiño do dialogo e cando non foi posible acudindo ao ámbito xudicial que para
iso está, aínda que ultimamente os dereitos dos traballadores non estean a ser tidos en conta. Esperamos que a Dirección retome o camiño do dialogo e
deixe de obrar como o está a facer, se non verémonos abocados
á conflitividade moi ao noso pesar.