lunes, 8 de marzo de 2010

10 DE MARZO DIA DA CLASE OBREIRA GALEGA


O 10 de Marzo conmemoramos o Día da Clase Obreira Galega. Lembramos aqueles feitos de 1972 en Ferrol que provocaron a convulsión dun sistema ditatorial. Esa lembranza é a que nos move a mantérmonos firmes nos nosos valores.
Daquela, o compromiso das CCOO coa loita polas liberdades e a democracia adquiriu forma de conflito na Bazán de Ferrol. O dereito á negociación colectiva era unha aspiración dos traballadores e traballadoras consubstancial á conquista de dereitos laborais e sociais que implicaba liquidar o modelo de relacións laborais do réxime franquista. Compañeiros e compañeiras deste sindicato puxeron o seu pelello ao servizo dese obxectivo. Foi a responsabilidade desta organización a que impulsou tal tarefa. A responsabilidade e o compromiso que caracterizan o noso sindicato fanse hoxe en día máis necesarios ca nunca.
A actual situación de crise económica e institucional que vive Galicia e o conxunto do estado ofrece unhas cifras detrás das cales se topan os dramas particulares de moitas persoas. Neste último ano, o PIB galego caeu un 3% e destruíuse emprego en todos os sectores, especialmente na industria e na construción. Isto é, 56.000 galegos e galegas perderon o seu posto de traballo.
Ademais, a taxa de temporalidade reduciuse en catro puntos ata situarse no 25,8%, pero faino porque oito de cada dez persoas que quedaron sen traballo tiñan un emprego temporal, e algo máis do 40% dos postos de traballo que se perderon en 2009 foron a través de expedientes de regulación de emprego.
E se perder o medio de vida é xa de seu un drama, non atopar outro e ademais quedar sen prestacións sociais é unha traxedia moito maior. Así, das 234.000 persoas sen traballo que hai actualmente en Galicia, o 38% carecen de calquera tipo de axuda pública.
Para intentar responder á situación, impulsouse en Galicia un proceso de diálogo social que toma como base os acordos acadados co Goberno anterior, pero revisándoos e adaptándoos ao novo contexto de crise. Partindo destas premisas, creáronse catro grupos de traballo de carácter transversal e dous sectoriais, sempre co obxectivo de dar resposta a curto prazo aos problemas máis urxentes para os traballadores e traballadoras do noso país.
O freo da destrución de emprego debe ser a nosa máxima prioridade. Non nos podemos permitir caer na demagoxia barata que nos leve a unha canella onde os peor parados sexan os que xa non teñen nada. É a nosa responsabilidade ser conscientes de que un estado social como o noso debe ser eficiente ou non será.
O noso compromiso é crear espazos de entendemento á hora de buscar solucións conxuntas. Neste sentido, Comisións Obreiras xa ten dado sobradas mostras da responsabilidade e do compromiso que nos caracterizan no esforzo compartido que supón o Acordo Interconfederal de Negociación Colectiva. Compromiso que tamén se expresou e se expresará cando for necesario mediante a mobilización, como aconteceu o pasado 2 de marzo en defensa das pensións. Responsabilidade e compromiso como o dos compañeiros de Bazán no 72 en Ferrol.


VIVA A CLASE OBREIRA GALEGA!!
VIVA O DEZ DE MARZO!!
VIVAN AS COMISIÓNS OBREIRAS!!
DANIEL E AMADOR, NA MEMORIA!!