jueves, 8 de noviembre de 2012

REUNIÓN SEGUIMENTO DO ERTE


Hoxe tivo lugar unha nova reunión da Comisión do Seguimento do E.R.T.E. Nesta ocasión asistiron á reunión pola Representación da Empresa (RE) dous responsables financeiros da Compañía, o Director de Primario España e o responsable de RRHH de Primario España. Pola Representación dos Traballadores (RT) tamén participou a representación da CIG.


Os financeiros da Empresa fixeron unha presentación dos resultados das plantas de Avilés e A Coruña durante o ERTE. Segundo os datos achegados dende a empresa os resultados globais das dúas plantas no terceiro trimestre do ano botan un balance negativo duns 20 Mill/€. Como dato positivo de A Coruña, dicir que a curva de custos mellorou ó partir do segundo trimestre, sendo moito mellores que os da Planta de Avilés. Segundo a empresa, iso púidose deber a que tivemos máis persoal en Regulación de Emprego e tamén a que Avilés tivo máis produción debido á planta de refusión. Sobre os datos económicos pouco máis pódese dicir, máis que nada porque son datos achegados pola empresa e non temos xeito de verificar a súa fiabilidade.


A RE fixo unha presentación do avance dos traballos acordados na Serie 1 durante a súa parada. Cabe destacar que nestes momentos  renováronse os brazos de carga 3 e 4 e o número 2 xa está na Fábrica esperando a súa montaxe. Realizouse tamén o repaso do
flexado á 1ª metade da Serie e melloras nos pratos de carga, así como melloras nas velocipédicas, telescópicas, cadros eléctricos, etc. A RT solicitou que tamén se revisasen as canles de achega de alumina dende os centros de captación por considerar que están en moi mal estado.


O Director de Primario en España fixo unha exposición da situación actual, na cal falou da situación actual de negociación da enerxía. Antes quixo aclarar que o Presidente José R. Camiño estivera onte con eles na reunión de Avilés, pois debíalles a visita xa que no mes de Outubro con motivo da visita do Ministro Soria a Galicia estivera na Coruña e San Cibrao e alí non. Dito isto, dixo que o Presidente lle transmitiu o seu agradecemento para os distintos Comités de Empresa e os traballadores pola súa implicación no resultado obtido coa Orde Ministerial (OM).

Esperan que a finais de mes teñan xa o informe da Comisión Nacional Enerxía (CNE) co que só quedará o tramite en Bruxelas, para o cal son moi optimistas debido ao traballo realizado e ao antecedente favorable que teñen de Italia, non hai moito, co mesmo caso. Por iso non queren chamar moito a atención para que non se endureza o control.


A esta reunión esperábase que asistise o responsable de enerxía
de Alcoa en España. Non foi posible, segundo o Director de Primario, pois atopábase fisicamente reunido coas empresas enerxéticas negociando o futuro contrato de subministración. Dixo que as negociacións desenrolábanse  sobre OM e ían ben, mesmo había unha empresa enerxética interesada en subministrar as tres plantas a partir do 1 de Xaneiro do 2013.


As previsións que ten a empresa de cara ao ano 2013 son arrancar a Serie parada unha vez rematado o ERTE en Abril. Aínda que xa en Xaneiro teñan que arrancar cubas para alcanzar o tope de consumo de enerxía para cumprir as especificacións da OM como gran consumidor de enerxía. As mesmas previsións din que no 2013 os resultados da Fábrica serán negativos xa que non esperan un valor de LME máis alá de 1900$/Tm. O Director de Primario anticipou que en dúas semanas e media, máis ou menos, convocaran á RT a unha reunión para propoñer unha serie de medidas de aforro de custos para corrixir esa previsión de resultados negativos. Avanzou que algunhas das medidas estarán enfocadas á flexibilidade de plantilla, á masa salarial, internalización e externalización de traballos, incremento da produtividade, etc.
Sobre estas medidas anunciadas pola empresa puidemos saber que na reunión de onte aos compañeiros de Avilés lles anunciaron estas mesmas. Sobre a reunión de hoxe non temos que dicir nada máis, que haberá que saber o que nos formula a empresa e obrar en consecuencia.

Por último informar que o vindeiro luns 12 de Novembro, as 17:30 horas  farase unha Asemblea Extraordinaria para tratar a Folga Xeral do vindeiro 14 de Novembro.

Seguiremos informando.