CCOO, UGT e CIG denuncian que, conforme se agravan as políticas de recorte e agresión contra os dereitos das clases populares, asístese tamén á reiterada criminalización da resposta social, especialmente a de carácter sindical. Actualmente, numerosos traballadores e traballadoras en todo o estado, tamén en Galicia, foron sometidas a xuízo, nalgúns casos con condenas que implican o ingreso no cárcere. Por esta razón, convocan mobilizacións en toda Galicia para o vindeiro día 30.
Os sindicatos critican que mentres o poder actúa con dureza contra a clase traballadora, a Fiscalía e os tribunais manteñen unha actitude de total pasividade diante dos empresarios e empresarias que ameazan, coaccionan e vulneran todos os días os dereitos dos seus empregados e empregadas. Para CCOO, CIG e UGT, o Goberno do PP é o culpable desta situación e chamarán a toda a clase traballadora e o pobo galego a responder contra esta inxustiza.
|