Antes de empezar con ningún
comentario sobre a reunión de hoxe dende esta Sección Sindical queremos pedir
desculpas, pola parte que nos toca, pola suspensión da Asemblea que estaba
prevista para hoxe, pero polo transcendental do que se estaba a negociar nese
momento e ante a posibilidade de poder non levalo a bo porto o Comité de
Empresa decidiu por unanimidade suspendela.
A reunión comezou ás 10 da mañá e mantívose sen parar para comer ata as 17:30 horas. Despois de varias discrepancias e varios recesos pedidos polas dúas partes para facer consultas, se chego ao seguinte acordo ratificado por todo o Comité de Empresa:
Desconvócase a folga dos días 24 e 25 de
xaneiro e acórdase retirar o proceso de inaplicación de Convenio e a
modificación substancial presentado pola empresa, constituíndo no seu lugar
unha mesa de negociación reducida ante a proposta da empresa:
- A mesa de negociación estará constituída por un máximo de sete membros coa posibilidade de que asista un asesor por Sección Sindical.
- A mesa de negociación estará aberta ata o 15 de febreiro de 2013.
- Mantéñense o plan de competitividade e o plan estratéxico asinados, entendendo que o seu cumprimento é fundamental e de urxente aplicación.
- É intención da empresa que non se leve a cabo un novo ERTE durante o ano 2013. En caso de que fose necesario aplicar un novo ERTE en 2013 garantiranse as condicións contidas no ERTE en vigor e as persoas que puideran verse afectadas polo novo ERTE non poderán verse afectadas por ningunha medida de aforro que se puidese acordar na mesa de negociación para o 2013, realizándose o retorno que proceda acordándose na mesa de negociación o xeito de realizalo.
- Presentarase na Comisión todo o Plan de aforro da planta para o ano 2013.
- A empresa está aberta a tratar na mesa de negociación a recuperación de calquera cantidade que puidese verse afectada polo acordo que puidese adoptarse na mesa de negociación para o 2013.
- Na mesa de negociación poderanse tratar todas as partidas que afecten á consecución do obxectivo da empresa relacionado co aforro de custos.
- Na mesa de negociación entregarase a documentación que sexa necesaria.
A parte social valora moi
positivamente este acordo, xa que de entrada a empresa retira o procedemento
legal de descolgue de Convenio e a modificación substancial das condicións de
traballo amparándose na última reforma laboral. Agora ábrese un novo período de
negociacións, pero sen ningunha imposición por parte da empresa e coas
garantías dos puntos anteriores.
Este novo proceso iníciase o martes 22 ás 10:00 da mañá.