martes, 2 de octubre de 2012

O GOBERNO COMPROMETESE COAS PLANTAS ESPAÑOLAS DE ALCOA

O Ministro de Enerxía e turismo, José Manuel Soria, estivo hoxe na cidade, concretamente no Aeroporto de Alvedro. Alí reuniuse previamente co alcalde, Carlos Negreira, co conselleiro de Industria, Javier Guerra, e o delegado do Goberno, Samuel Juárez.

Despois reuniuse co Presidente do Comité de Empresa, cumprindo así, parte do prometido polo alcalde da Coruña días antes. E dicimos parte, porque o alcalde se comprometera a unha reunión á que asistiría unha representación do Comité de Empresa (un membro de cada Sección Sindical), pero o Ministro e o seu protocolo só admitiu falar co Presidente do Comité de Empresa.

O Ministro pronunciouse publicamente dicindo que o Goberno estaba totalmente comprometido con todas as plantas de Alcoa, incluída a nosa, e que estaba a traballar nunha tarifa que nos permita ser competitivos, asegurando que Alcoa non se ía ir de España pola falta dunha tarifa eléctrica competitiva. O alcalde, Carlos Negreira, dixo que se levaba traballando nunha solución durante semanas para evitar o peche da empresa e mencionou o compromiso do Goberno para iso.

Hoxe pola tarde tamén estiveron de visita na Fábrica altos Directivos de Alcoa, á súa chegada á Empresa foron recibidos polo Comité de Empresa e un grupo de traballadores coa pancarta para reivindicar unha solución. Entre os visitantes estaba o Presidente de Alcoa en España, José Ramón Camino, o Director de Aluminio Primario en España, Rubén Bartolomé, e o segundo máximo responsable a nivel mundial de Alcoa.

Os responsables de Alcoa reuníronse cunha representación do Comité de Empresa para informalles que ante o paso dado hoxe polo Goberno a empresa decidira aprazar quince días calquera comunicado ou decisión, para dar tempo así, a que o dito hoxe polo Ministro se levase a cabo.


Compañeir@s, este é un pasiño máis na loita pola viabilidade da nosa Fábrica. Cada vez falta menos para conseguir o noso obxectivo, temos que seguir así.

Grazas polo teu apoio.
MÁIS NOTICIAS...