viernes, 27 de enero de 2012

REUNIÓN CON CAYO LARA

(NOTA DE PRENSA)

A Sección Sindical Intercentros de CCOO en Alcoa traslada ao grupo parlamentario de Esquerda Unida a súa preocupación ante o recorte na produción

Varios representantes de CCOO en Alcoa España reuníronse onte con Cayo Lara, coordinador de Esquerda Unida, para pedirlle o apoio do seu grupo parlamentario


A Federación de Industria de CCOO non se vaI quedar parada ante o recorte da produción anunciada hai unhas semanas pola multinacional Alcoa, que afectará gravemente ás plantas de Avilés e A Coruña. Onte, a Sección Sindical Intercentros de CCOO na empresa reuniuse con Cayo Lara, coordinador federal de Esquerda Unida, para trasmitirle a preocupación dos traballadores e pedirlle o seu apoio para trasladar as súas reivindicacións no Congreso.

27 de xaneiro de 2012

Cayo Lara, coordinador federal de Esquerda Unida, puxo onte a disposición dos traballadores de Alcoa o seu grupo parlamentario para trasladar no Congreso a súa problemática ante o anuncio da multinacional do aluminio de reducir a súa produción de primario en España e abrir un Expediente de Regulación de Emprego Temporal nas plantas da Coruña e Avilés dun ano de duración.

Este compromiso produciuse despois de que a Sección Sindical Intercentros de CCOO en Alcoa se reunise con Lara, a quen trasladou a súa preocupación por que a verdadeira intención da empresa sexa debilitar as súas plantas de Avilés e A Coruña para despois deslocalizar a produción a outros países con menores custos enerxéticos e unha lexislación máis permisiva en canto á emisión de CO2. Neste sentido, os representantes de CCOO solicitaron ao coordinador de Esquerda Unida que interrogase os membros do Congreso sobre que tipo de modelo produtivo queren para o noso país.

O temor dos traballadores de Alcoa é que, tras deter o 50% da produción na planta da Coruña e Avilés, a empresa non volva poñer en marcha as cubas detidas, xa que é un proceso moi custoso e sobre o cal, de momento, a multinacional non quixo comprometerse na mesa negociadora aberta tras o anuncio do ERE.
Neste sentido, CCOO esixe que a planta poña enriba da mesa o plan de futuro que ten para España, ante o temor de que esta diminución da produción sexa tan só a antesala dunha deslocalización.

A planta de Alcoa na Coruña conta con 420 traballadores en activo, dos cales 210 veríanse afectados polo ERE; en Avilés, os afectados serían 156, tamén o 50% do equipo. En total, en toda España as cinco fábricas do xigante do aluminio contan cun equipo de case 3.000 persoas e ata agora achegaron beneficios, a pesar de que a empresa estimase perdas para 2012.

A reunión con Cayo Lara é só un primeiro paso dentro das accións que a Sección Sindical Intercentros ten previsto realizar nas próximas semanas para esixir a Alcoa unha postura clara respecto aos seus plans de futuro en España e o compromiso de que as plantas da Coruña e Avilés van volver a estar a pleno rendemento dentro dun ano, se finalmente se chegase a un acordo no ERE.

Seguiremos informando